“Carmen Hermo é unha artista nova que va máis aló da «pintura», pero que utiliza a súa «eternidade» como imaxe para propor unha interpretación trascendental da vida, das súas preocupacións, transcritas non só nos pretextos kantianos de facer arte por necesidade e pracer, senón tamén na natureza. Natureza afin á visión ecolóxica que pon de manifesto a pintura como experiencia liberada para narrar un proxecto en diferentes claves. Velaí esas «series de plantas» que aluden ó acto creativo, que interpreta a historia da pintura de sempre -tal como defendía teóricamente Jasper Johns- coa conciencia crítica de establecer unha nova lectura para ela e para os outros, entre o sustrato natural e xeográfico dun territorio, onde os signos nos falan dun mundo diferente…
Fragmentarismo visual que concibe o dominio pictórico como un gran mapa, cardinado polo espacio vacío, orientado cara os leves estigmas alegóricos que entrevemos no fondo dun xesto, dunha rama, dunha mancha esparcida no aire vaporoso que ilumina a luz dende atrás. A oscuridade máis aló da estretigrafía arqueolóxica que outras veces rompe a frontalidade e materializa unha presencia real -un tronco quizáis- para prolonga-lo tempo da pintura e o seu sistema de representación visual. Un modo de narrar que require a totalidade do espacio ambiental -o escultórico- na instalación dun bosque codificado polos signos cos que se identifica. De outra parte, a lectura e a mirada poden desinteresarse dos contidos: a pintura seguirá existindo na densidade pastosa e experimental máis aló dos símbolos, no corpo da súa propia composición clásica. Entón podemos quedar a sóas coa súa liberdade escrituras, sen necesidade de interpretacións.”
X. Antón Castro